Comunicado
de apoio á convocatoria de folga xeral do 14N
O vindeiro mércores 14 de novembro celebrarase unha
xornada de folga xeral, convocada pola meirande parte dos sindicatos do Estado Español.
Será un evento histórico posto que é a primeira vez que varios países da Unión
Europea irán á folga en conxunto. Desta vez o motivo da protesta non é unha
medida económica concreta, senón a vontade de manter unha postura clara en
contra da política económica levada a cabo pola clase dirixente. Falamos logo
da motivación de enfrontarse ó capitalismo en si e á súa ofensiva contra os
dereitos sociais acadados durante séculos.
A
plataforma ECOAR apoia completamente esta convocatoria. Consideramos que é unha
oportunidade decisiva para que cada persoa se sume a ela de maneira activa e
desta forma acadar unha fronte común cada vez máis ampla ante a política de
recortes económicos e sociais que se está a levar a cabo contra o conxunto da
poboación. É fundamental que a cidadanía amose o rexeitamento a unhas políticas
que están a xerar precariedade e pobreza, que a agresión en contra dos dereitos
sociais non vai ser aceptada pola poboación. Tamén é a oportunidade que temos
de reivindicar de forma masiva unha serie de dereitos que o actual goberno tenta
desmantelar, dereitos civís que non teñen nada que ver coa economía coma son o
de folga, o de reunión ou o de manifestación. O proceso de erosión destes
dereitos pouco ou nada ten que ver coa situación económica, senón que é unha
escusa do PP e dos seus afíns para acadar un maior control sobre a sociedade,
reducindo en consecuencia o grao de liberdade.
Igualmente,
dende ECOAR recordamos a importancia de que a xornada de folga non se limite ó
paro laboral, senón que tamén debe haber unha folga de consumo. Hoxe en día o
consumo é un dos eixos principais do sistema capitalista e deixar de consumir
durante a xornada de folga supón levar a cabo unha acción determinante contra
os intereses ós que nos enfrontamos. Tamén é importante lembrar que a folga
dura 24 horas, para fortalecer a protesta é fundamental manter as accións
durante todo ese período de tempo.
Unha
cousa a ter en conta é que xa sabemos o que vai dicir o goberno ó día seguinte,
que a folga foi un fracaso, que a maioría da xente non secundou a xornada
porque está de acordo coas súas políticas "inevitables" de recortes e que a
xente que quedou na casa fíxoo porque as apoia. Este discurso xa é seguro, forma
parte da estratexia de mentira e manipulación que estamos a sufrir, pero o
importante é que cada persoa se pregunte se quere que sexa certo ou non. A
xornada é unha oportunidade para que a cidadanía en conxunto faga valer a súa
voz en contra da situación de crise social imposta polo poder. Debemos facerlles fronte de maneira activa, desta vez coa sorte de que pode ser de
xeito europeo, para que non avance a ofensiva capitalista baseada en recortes
sociais e apoio con diñeiro público ás entidades financeiras. Por isto e por
todas as razóns explicadas antes animamos á xente a participar na vindeira
folga xeral do 14N.
Ningún comentario:
Publicar un comentario