Páxina pechada. Lanzamento: 07/03/2012. Peche: 21/03/2013.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Amosando publicacións coa etiqueta recortes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recortes. Amosar todas as publicacións

luns 01 outubro 2012

En que consiste o “rescate”?

-->
Como se forma a débeda?

Durante anos, o noso sector financeiro contribuíu á creación dunha enorme burbulla inmobiliaria. Bancos, caixas de aforros e aseguradoras acompañaron os poderes institucionais nesa demencial carreira especulativa. Para financiar os proxectos das construtoras e manter a capacidade de consumo dunhas familias que perdían poder adquisitivo ano tras ano, os nosos bancos e caixas concederon créditos con moita facilidade. Para facer fronte a esta marea crediticia, o noso sistema financeiro pediu prestado, principalmente á banca alemá que é quen acumula o excedente. Isto quere dicir que o sistema financeiro alemán foi un dos principais protagonistas e beneficiarios do noso endebedamento privado.

Cando se converte a débeda privada en débeda pública

Coa crise que estala en 2008 e que supón a conxelación do fluxo de cartos entre bancos, as economías que dependían do financiamento alemán comezaron a sufrir problemas de liquidez. Apoiándose na idea de que a caída do sistema bancario implicaba a caída da economía real, o estado inxectou cartos públicos, pasando a facerse cargo da débeda da banca. Estados como o español, que ata 2007 tiña superávit, entraron en déficit.

En que consiste o “rescate”?

En esencia, os rescates non son máis que unha forma de asegurarse o retorno dos préstamos que principalmente a banca alemá, pero tamén francesa, británica e, en menor medida, estadounidense, teñen comprometida na banca deses estados. Os cartos do rescate á banca española non están pensados para aliviar a crise e os problemas que esta provoca na cidadanía, e tampouco para que o crédito volva fluír ás empresas e familias; o seu único obxectivo é asegurar o pago dos intereses das débedas contraídas por bancos e caixas durante os anos da burbulla. Rescatan á banca para que se lles poida seguir pagando.

Que suporá para nós o rescate?

En primeiro lugar, a perda da soberanía económica, política e social. O Banco Mundial, a Comisión Europea e o FMI (a famosa Troika) intervirán a nosa economía e as nosas institucións, impoñendo reformas e recortes para cobrarse a débeda da banca privada e grandes corporacións, tal e como está a pasar en Greza.
En segundo lugar, un ataque ao estado social que elimina dereitos entre os membros da comunidade e limita o acceso equitativo a recursos e servizos, avocando á pauperización da maioría da poboación.

Que podemos facer?
  • Opoñernos con toda a nosa forza a un rescate da banca privada, esixindo a súa suspensión inmediata. Que sexa a banca quen pague a súa débeda co seu propio patrimonio, aínda que iso provoque a súa quebra.
  • Esixir a depuración das responsabilidades deste proceso.
  • Asegurar o democrático funcionamento do sector, a través do control e participación directa dos cidadáns e cidadás.

POR QUE SE FAN RECORTES SOCIAIS?


POR QUE SE FAN RECORTES SOCIAIS?

A crise económica que está a sacudir Europa estase empregando como escusa para poder realizar recortes en materia social. Baseándose nunha política económica que busca o déficit cero, os diferentes gobernos están buscando unha saída da crise a través de medidas de aforro. Aforro que entenden que se ten que facer a través do recorte de dereitos e servizos sociais.

QUE IDEOLOXÍA GUÍA A APLICACIÓN DE RECORTES?

Pero esta política de recortes ten unha liña ideolóxica que é quen a sostén. A ideoloxía capitalista, e concretamente a neoliberal, busca un mundo no que o sector público desapareza en favor do privado, pois entende que todo debe ter unha finalidade lucrativa e, polo tanto, todo debe converterse en negocio. Así pois dende os anos 70 os gobernos veñen aplicando unha política orientada á venda dos bens e servizos públicos. Así pois nos 80 e nos 90 o que se fixo foi ir privatizando as diferentes empresas públicas (Telefónica, Iberia,...), labor que hoxe continúa; e co inicio do século XXI, empezouse a privatización dos servizos públicos (privatización progresiva da educación, da sanidade,...).

QUE IMPLICAN ESTES RECORTES?

Os recortes que se están realizando implican unha sociedade cada vez máis desigual. A riqueza cada vez está máis concentrada ( e a bolsa de xente vivindo por baixo do umbral de pobreza é cada vez maior (no estado español o 26% da poboación está xa nesta situación). A isto hai que engadirlle que a situación agudízase aínda máis, pois a progresiva privatización dos servizos públicos fai que moita xente hoxe non teña dereitos porque non pode acceder a eles (persoas que non poden acceder aos servizos sanitarios, persoas que deixan de percibir as súas prestacións, persoas que non teñen acceso a unha vivenda...). Todo isto vai facendo que a fenda social sexa cada vez maior, e que a xente perciba a situación e o sistema actual como inxustos, polo que o nivel de tensión social aumenta.

HABERÍA ALTERNATIVA A ESTES RECORTES?

Si. No canto de facer recortes a través do dereitos básicos da persoas e dos servizos sociais, hai outros métodos de financiamento que o goberno podería ter buscado. Deixar de financiar institucións como a monarquía ou a igrexa, recortar en gasto militar, incrementar os impostos ás grandes fortunas, xerar ferramentas contra a fraude fiscal, deixar de financiar ás grandes empresas e multinacionais,... son, entre outras, medidas de recadación que se poderían tomar e que contribuirían a saír da crise, sen facer ningún tipo de recorte en dereitos nin servizos sociais.

É POSIBLE FREAR OS RECORTES?

Si. Pero para isto necesítase unha forte presión social que faga fronte ás medidas de presión das grandes empresas financeiras e multinacionais. Así pois só coa participación activa e directa da cidadanía se pode acadar un novo escenario no que se aposte por outras medidas como saída desta crise.

E TI QUE FAS EN TODO ISTO?

O teu papel en todo isto é fundamental. Calquera pode participar, propor ou realizar unha acción de protesta, tanto de xeito individual como colectivo. Do que se trata é de que movas o teu entorno próximo: de que te informes e de que informes, de que apoies accións coas que esteas de acordo e de que xeres outras que para ti sexan necesarias, de que prestes a túa sinatura para unha medida legal ou de que te unas a un colectivo,... Ti tes un papel fundamental en todo isto.

MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR
PENSA + ACTÚA + ORGANÍZATE