POR QUE SE FAN RECORTES SOCIAIS?
A crise económica que está a sacudir
Europa estase empregando como escusa para poder realizar recortes en
materia social. Baseándose nunha política económica que busca o
déficit cero, os diferentes gobernos están buscando unha saída da
crise a través de medidas de aforro. Aforro que entenden que se ten
que facer a través do recorte de dereitos e servizos sociais.
QUE IDEOLOXÍA GUÍA A APLICACIÓN DE
RECORTES?
Pero esta política de recortes ten
unha liña ideolóxica que é quen a sostén. A ideoloxía
capitalista, e concretamente a neoliberal, busca un mundo no que o
sector público desapareza en favor do privado, pois entende que todo
debe ter unha finalidade lucrativa e, polo tanto, todo debe
converterse en negocio. Así pois dende os anos 70 os gobernos veñen
aplicando unha política orientada á venda dos bens e servizos
públicos. Así pois nos 80 e nos 90 o que se fixo foi ir
privatizando as diferentes empresas públicas (Telefónica,
Iberia,...), labor que hoxe continúa; e co inicio do século XXI,
empezouse a privatización dos servizos públicos (privatización
progresiva da educación, da sanidade,...).
QUE IMPLICAN ESTES RECORTES?
Os recortes que se están realizando
implican unha sociedade cada vez máis desigual. A riqueza cada vez
está máis concentrada ( e a bolsa de xente vivindo por baixo do
umbral de pobreza é cada vez maior (no estado español o 26% da
poboación está xa nesta situación). A isto hai que engadirlle que
a situación agudízase aínda máis, pois a progresiva privatización
dos servizos públicos fai que moita xente hoxe non teña dereitos
porque non pode acceder a eles (persoas que non poden acceder aos
servizos sanitarios, persoas que deixan de percibir as súas
prestacións, persoas que non teñen acceso a unha vivenda...). Todo
isto vai facendo que a fenda social sexa cada vez maior, e que a
xente perciba a situación e o sistema actual como inxustos, polo que
o nivel de tensión social aumenta.
HABERÍA ALTERNATIVA A ESTES RECORTES?
Si. No canto de facer recortes a través
do dereitos básicos da persoas e dos servizos sociais, hai outros
métodos de financiamento que o goberno podería ter buscado. Deixar
de financiar institucións como a monarquía ou a igrexa, recortar en
gasto militar, incrementar os impostos ás grandes fortunas, xerar
ferramentas contra a fraude fiscal, deixar de financiar ás grandes
empresas e multinacionais,... son, entre outras, medidas de
recadación que se poderían tomar e que contribuirían a saír da
crise, sen facer ningún tipo de recorte en dereitos nin servizos
sociais.
É POSIBLE FREAR OS RECORTES?
Si. Pero para isto necesítase unha
forte presión social que faga fronte ás medidas de presión das
grandes empresas financeiras e multinacionais. Así pois só coa
participación activa e directa da cidadanía se pode acadar un novo
escenario no que se aposte por outras medidas como saída desta
crise.
E TI QUE FAS EN TODO ISTO?
O teu papel en todo isto é
fundamental. Calquera pode participar, propor ou realizar unha acción
de protesta, tanto de xeito individual como colectivo. Do que se
trata é de que movas o teu entorno próximo: de que te informes e de
que informes, de que apoies accións coas que esteas de acordo e de
que xeres outras que para ti sexan necesarias, de que prestes a túa
sinatura para unha medida legal ou de que te unas a un colectivo,...
Ti tes un papel fundamental en todo isto.
MOBILIZAR + CONVERXER +
CONSTRUÍR
PENSA + ACTÚA +
ORGANÍZATE
Ningún comentario:
Publicar un comentario