Páxina pechada. Lanzamento: 07/03/2012. Peche: 21/03/2013.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

luns 01 outubro 2012

POR QUE SE FAN RECORTES SOCIAIS?


POR QUE SE FAN RECORTES SOCIAIS?

A crise económica que está a sacudir Europa estase empregando como escusa para poder realizar recortes en materia social. Baseándose nunha política económica que busca o déficit cero, os diferentes gobernos están buscando unha saída da crise a través de medidas de aforro. Aforro que entenden que se ten que facer a través do recorte de dereitos e servizos sociais.

QUE IDEOLOXÍA GUÍA A APLICACIÓN DE RECORTES?

Pero esta política de recortes ten unha liña ideolóxica que é quen a sostén. A ideoloxía capitalista, e concretamente a neoliberal, busca un mundo no que o sector público desapareza en favor do privado, pois entende que todo debe ter unha finalidade lucrativa e, polo tanto, todo debe converterse en negocio. Así pois dende os anos 70 os gobernos veñen aplicando unha política orientada á venda dos bens e servizos públicos. Así pois nos 80 e nos 90 o que se fixo foi ir privatizando as diferentes empresas públicas (Telefónica, Iberia,...), labor que hoxe continúa; e co inicio do século XXI, empezouse a privatización dos servizos públicos (privatización progresiva da educación, da sanidade,...).

QUE IMPLICAN ESTES RECORTES?

Os recortes que se están realizando implican unha sociedade cada vez máis desigual. A riqueza cada vez está máis concentrada ( e a bolsa de xente vivindo por baixo do umbral de pobreza é cada vez maior (no estado español o 26% da poboación está xa nesta situación). A isto hai que engadirlle que a situación agudízase aínda máis, pois a progresiva privatización dos servizos públicos fai que moita xente hoxe non teña dereitos porque non pode acceder a eles (persoas que non poden acceder aos servizos sanitarios, persoas que deixan de percibir as súas prestacións, persoas que non teñen acceso a unha vivenda...). Todo isto vai facendo que a fenda social sexa cada vez maior, e que a xente perciba a situación e o sistema actual como inxustos, polo que o nivel de tensión social aumenta.

HABERÍA ALTERNATIVA A ESTES RECORTES?

Si. No canto de facer recortes a través do dereitos básicos da persoas e dos servizos sociais, hai outros métodos de financiamento que o goberno podería ter buscado. Deixar de financiar institucións como a monarquía ou a igrexa, recortar en gasto militar, incrementar os impostos ás grandes fortunas, xerar ferramentas contra a fraude fiscal, deixar de financiar ás grandes empresas e multinacionais,... son, entre outras, medidas de recadación que se poderían tomar e que contribuirían a saír da crise, sen facer ningún tipo de recorte en dereitos nin servizos sociais.

É POSIBLE FREAR OS RECORTES?

Si. Pero para isto necesítase unha forte presión social que faga fronte ás medidas de presión das grandes empresas financeiras e multinacionais. Así pois só coa participación activa e directa da cidadanía se pode acadar un novo escenario no que se aposte por outras medidas como saída desta crise.

E TI QUE FAS EN TODO ISTO?

O teu papel en todo isto é fundamental. Calquera pode participar, propor ou realizar unha acción de protesta, tanto de xeito individual como colectivo. Do que se trata é de que movas o teu entorno próximo: de que te informes e de que informes, de que apoies accións coas que esteas de acordo e de que xeres outras que para ti sexan necesarias, de que prestes a túa sinatura para unha medida legal ou de que te unas a un colectivo,... Ti tes un papel fundamental en todo isto.

MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR
PENSA + ACTÚA + ORGANÍZATE

mércores 07 marzo 2012

Os gobernos reveláronse como instrumentos do que chaman “os mercados”, que en realidade son grandes empresas transnacionais e financeiras con nome e apelidos.

Denunciamos e rexeitamos o engano que fan sobre a cidadanía, presentando como única saída posible da crise os recortes sociais, a través da perda de dereitos e liberdades. Persoas e colectivos ao longo de todo o mundo demostran que hai alternativas para saír da crise e que outros camiños son posibles e necesarios.

As mobilizacións que se estenderon por todo o planeta a partires da primavera do 2011, foron un revulsivo social ante a situación imposta; un movemento esperanzador que non debemos esquecer nin deixar desaparecer.

Subliñamos, non só as ameazas sobre as nosas economías, senón sobre a “democracia” mesma: menos do 1% decide sobre o presente e futuro do outro 99%.

Como espazo cidadá, os nosos obxectivos fundamentais son, diagnosticar a realidade dende a pluralidade, definindo e propoñendo alternativas; mobilizar e impulsar accións e iniciativas concretas que loiten polos dereitos humanos, a dignidade dos/as traballadores/as, o consumo responsable, a ecoloxía, o multiculturalismo, a igualdade de xénero... Camiñando cara un sistema social xusto.

Chamamos a converxer a persoas e colectivos sociais para poñer en marcha unha resposta unitaria e solidaria á crise capitalista.


DEMOCRACIA FRONTE “OS MERCADOS”
 
MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR
 
PENSA - ACTÚA - ORGANÍZATE